A la Sombra del Títere, LC.

Artefacto escénico, de órbita teatral. Web dual.

(S8), VI Mostra de Cinema Periférico; A Coruña, 3-7 de Xuño.

Cartel_S82015_SELVA_A3Achégase unha nova edición da (S8), Mostra de Cinema Periférico, na cidade de A Coruña.

De feito, xa chegou: vídeo presentación (S8) 2015

Tralo Mini (S8), obradoiro de sonorización de cine mudo para rapaces, e do cine-concerto inaugural O gabinete do Doutor Caligari, do pasado fin de semana, hoxe martes 2 de xuño, ás 20:30 horas, proxéctase a primeira sesión de curtametraxes de Ken Jacobs, influente cineasta experimental. No CGAI, prologando a Mostra.

Ao longo de catro sesións -sección Vangardas-, unha clase maxistral –Didáctica-, e dúas performances Desbordamentos co dispositivo Nervous Magic Lantern, teremos unha retrospectiva completa deste cineasta referencial: desde Orchard Street, o seu primeiro filme –automutilado daquela, e recomposto o pasado ano-, ata Canopy, traballo estroboscópico de 5 minutos, realizado no 2014.

Unha Mostra na que terémo-la oportunidade única de visionar pezas do Festival 25 FPS de Zagreb, unha ráfaga de autores galegos en Sinais en Curto, ou o programa-selección adicado deste ano, Especial Brasil, dende a futurista e subversiva Maluco é Magico (1927) e o Límite (1931) de Mario Peixoto, transitando polo Dogma 2002 de Marcos Bertoni, o arquivo doméstico e o diario filmado con Paula Gaitán, ata os filmes e performances do dúo Distruktur.

Desde a Sombra, apoiamos esta mostra de cinema artístico, feito para e cos sentidos, colaboramos  fóra de foco -na sombra, claro-, e gozamos do singular e creativo, en tódalas súas vertentes, desta VI Mostra de Cinema Periférico (S8), xa un punto de referencia transfronteirizo.

A pouco que as vosas mentes curiosas camiñen sensibles nestas datas, aproveitade este abano de sensacións fílmicas e intensivo celuloide.

Vídeo-resumo da (S8) 2014:  http://www.s8cinema.com/portal/2015/05/01/video-resumen-s8-2014-ver-lo-que-fue-desear-lo-que-sera/

Programa “Metrópolis” de RTVE, adicado á (S8) 2014:  http://www.rtve.es/television/20141117/mostra-cinema-periferico/1049304.shtml

Calendario de Programación desta VI Mostra (S8), 2015:  http://www.s8cinema.com/docus/calendario-programacion-s8-2015.pdf


 

Anuncios

Información

Esta entrada fue publicada en 2 junio, 2015 por en Acontecementos y etiquetada con .
Anuncios